sábado, 12 de marzo de 2016

Time is Dancing




O bosque revela ao paporroibo. As ramas espidas dos bidueiros sinalan cara el cando o Erlköning chega coa súa longa noite de tebras e medos escuros.
Aproveita cando o paporroibo se atreve a voar fora do cómodo tronco do carballo. Atácao cando cre que a noite nunca máis chegará. Atrápao unha e outra vez nese maldito cárcere de area laranxa e esnaquiza os seus ósos cada vez máis débiles.

Pantasma, xa non sei se o paporroibo sobrevivirá.
O seu corpo cada día vese máis canso, derrotado pola sequía e os lóstregos que anuncian treboadas que non chegan a descargar, pero que si afogan.
O paporroibo rezuma medo e iso alimenta ao Erlköning. Vanse os dous, pero non van morrer ao mar. O paporroibo arrastra a súa ánima agardando polo momento de desfacerse coa sarabia que o golpea.
Non ten ganas de loitar pequeno Pantasma, xa non hai lume acendido no seu peito vermello, quere durmir na Nada, no eterno infinito.
Xa non sabe onde sacar a cabeciña e boquear. Todo lle pesa, as pálpebras, as patas e sobre todo as ás.