Enciclopedia das Aves
Estrañas :
Erithacus Rubecula Alienum
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Ave
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Erithacus
Especie: E. Rubecula Alienum
Descrición xeral:
“O paporroibo
galego é unha subespecie do coñecido Erithacus Rubecula. Resulta moi difícil
distinguilos se non se observan en estado salvaxe debido ao gran parecido
anatómico. A maior diferencia entre as especies obsérvase na frecuencia do
canto e o voo.
O E.Rubecula Alienum raramente se ve voar debido a que
apenas quedan individuos e os seus niños atópanse en lugares de difícil acceso
para ó ser humano.
Científicos
especializados nesta ave descubriron que o E.Rubecula Alienum é unha ave
nocturna que adoita cazar nos bosques atlánticos do suroeste de Galiza.
Poboación
O primeiro espécime foi descuberto hai dous anos polo
científico italiano Cesare Pavese na praia de Carnota.
Sábese que pode vivir en grupos de cinco ou máis
individuos, establecéndose unha xerarquía na que o papel principal recae na
femia.
Contacto con outras
especies
Testemuñas afirman
que mantén boa relación con outras especies como a anduriña, o moucho galego, o
flamengo, o cormorán e coa especie irmá
Anodorhynchus hyacinthinus. (Todas elas Aves Estrañas das que falaremos
nesta nova edición da Enciclopedia).”
Nota: Atopáronse moitos individuos mortos sen causa aparente e
trala autopsia os resultados revelaron que morreran por inanición voluntaria...
(O resto de páxinas desta enciclopedia foron arrincadas)
Ven.
Ti.
Fala.
Fala polo silencio da pantasma.
Trae as verbas da súa confesión.
Fun a testemuña, o silencio culpable
do covarde.
Eu vin ao
paxaro perdido, as árbores retortas, as pegadas vacilantes na liña do camiño
empedrado. Eu pregunteime onde se atopaba a dignidade do depredador que axexa
sen darse a coñecer, que gruñe sen saltar e que se relambe sen trabar.
Pechei os ollos deixando
que a brétema pouco a pouco estendera os seus tentáculos polo bosque.
Permitinlle a noite silenciar o chío dunha Ave Estraña.
Estas liñas riscadas
pola vergoña non me din nada.
Cóntamo, dime que pasou
aquela noite.
O tempo recorría a liña do espazo
desfigurando as sombras oblicuas das árbores. Un frío invernal de finais de
Outubro arrincaba nevadas as nubes.
As plumas non chegaban para
protexelo. Os lobos ouveaban a Lúa, mentres as aves durmían.
Tiña que espertar, o paporroibo tiña
que espertar e moverse. A Lúa chea dirixiríao na noite.
As gadoupas silenciosas da
escuridade arrástranse polo seu lombo, acariñando a súa columna. Chamándoo.
Erlköning
chega coas tebras dunha escuridade densa, asfixiante.
A carapucha oculta a face do deus
silencioso.
Xa é tarde para escapar tralo raio
prateado do fermoso astro. Ten que agocharse. Ten que fuxir entre as raíces do
chan ou ficar na póla máis alta do esqueleto da árbore.
As mans brancas de Erkölnig búscano. Ule o aire na procura
do doce aroma do paporroibo. Escoita os
latexos do seu corazón na noite silenciosa. Tan calada, que calquera diría que
se silencia para revelar ao pequerrecho paxaro de peito vermello.
Dúas mans cadavéricas envolven as ás
do paxariño, arríncano da póla e gárdano nunha gaiola de cristal con area.
Erlkönig vaise galopando e tras el queda o manto que o ocultaba
na noite. Vese a caveira e os fermosos osos brancos movéndose ao ritmo do
cabalo.
Mintes.
Ti,
Testemuña,
mintes sobre o
paporroibo.
(A testemuña canta mentres salouca)
Mira,
mira pola fiestra.
O paporroibo está voando,
voa cara as mans de Erlkönig.
Xa se van os dous,
van morrer ao mar.
Virá o vento e levará as súas
sombras.
Ven pequena pantasma e falemos.
Queda moito tempo e poucas Aves
Estrañas.
¿Entón testemuña, quen foi a vítima e quen o depredador?
(A testemuña enmudece)